miércoles, 15 de abril de 2015

Concurso de creación audiovisual sobre o boletín informativo da DXXV


A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e o Consello Asesor de RTVE-Galicia e en funcións da CRVTG, convocan un concurso de creatividade co fin de trasladar o boletín informativo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a formato audiovisual.

Participantes:
Poderán participar no concurso todas aquelas persoas de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, residentes en Galicia e sen vinculación profesional a empresas periodísticas ou a actividade profesional das industrias culturais.

Temática:

A técnica será libre, baseándose o audiovisual nos contidos, totais ou parciais, da Revista Semanal da Rede Galega de Información Xuvenil, que están  dispoñibles no portal web http://xuventude.xunta.es/boletin-semanal.html
As obras deben incluír obrigatoriamente a cabeceira “Revista Semanal da Rede Galega de Información Xuvenil”.
Admitiranse traballos realizados tanto de forma individual como en grupo. En calquera caso, valorarase en igual grao a orixinalidade da proposta, o enfoque periodístico e a calidade estética de cada peza.

Requisitos:
Cada autor/a ou autores/as poderán participar cunha gravación orixinal, inédita e en galego (locución e textos) do programa informativo co que se concursa, e que non excederá dos 10 minutos de duración.
Admitiranse obras nun único formato dixital: MPEG-4 (o mp4) codificado en H264 e AAC (para audio) de 854 píxeles de ancho x 480 píxeles de alto (ou 16.9)
As distintas pezas informativas audiovisuais que integren o programa, estarán realizadas con un enfoque periodístico para poder  ser emitidas non só por televisión senón tamén  por internet,  sendo  susceptible de  que os distintos medios “on line”,  poidan tamén colgar o seu contido, íntegro ou por partes.
A gravación, que se poderá facer con calquera aplicación audiovisual, e na que se poderán empregar un ou dous locutores, presentarase en DVD ou URL de descarga, para permitir ás televisións e medios “on line” editar as imaxes e poñerlles locución propia.
O soporte audiovisual que se envíe deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravado.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o Consello Asesor de RTVE-Galicia e da CRTVG en funcións quedan facultados para introducir algunha modificación na obra premiada se existira algunha dificultade técnica para a súa difusión ou para introducir algún texto ou logotipo que non figure inicialmente nestas bases.
Os autores e as autoras quedarán comprometidos/as a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o Consello Asesor de RTVE-Galicia e da CRTVG en funcións quedarán eximidos de calquera  responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer os/as participantes.
A presentación a esta convocatoria implicará, no caso do traballo premiado, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a súa cesión a favor da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Consello Asesor de RTVE-Galicia e da CRTVG en funcións dos dereitos de edición.
O traballo premiado pasará a ser propiedade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Consello Asesor de RTVE-Galicia e da CRTVG en funcións , que adquirirá sobre esta o dereito pleno á súa utilización, reprodución e difusión.
O feito de participar nesta convocatoria supón a autorización dos/as participantes, á favor da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Consello Asesor de RTVE-Galicia e da CRTVG en funcións, para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe e contido do proxecto presentado  nas súas canles de comunicación ou calquera medio que estimen oportuno , sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Documentación:
Os traballos presentaranse en soporte DVD ou en URL de descarga. Neste último caso, na solicitude de inscrición deberá indicar a URL de descarga que deberá estar activa ata o 31 de xullo de 2015.
Todos os proxectos presentados irán acompañados dos seguintes documentos:

1.Sobre nº1
No exterior do sobre figurará:
- en letras maiúsculas, un lema ou pseudónimo que servirá para preservar a identidade do/a artista ata o fallo do xurado.
- “Concurso de creatividade audiovisual sobre o Boletín Informativo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Documentación a introducir neste sobre nº 1:
a) A solicitude de inscrición debidamente cuberta, que figura como Anexo nesta convocatoria.
b) O soporte DVD no caso de que non indique na solicitude de inscrición a URL de descarga

2. Sobre nº 2 (que debe ser introducido dentro do sobre nº 1).
No exterior do sobre debe figurar, outra vez e en letras maiúsculas, o lema ou pseudónimo que servirá para preservar a identidade do/a artista ata o fallo do xurado.
Documentación a introducir neste sobre nº 2:
a) Datos do/a creador/a: nome, apelidos, copia do DNI, data de nacemento, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
b) Ficha explicativa do proxecto presentado
c) Declaración xurada indicando que o traballo é orixinal e inédito.
d) Declaración xurada de non vinculación profesional a empresas periodísticas ou a actividade profesional das industrias culturais.
Se se apreciasen defectos ou falta de documentación, por parte da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición.

Lugar e prazo de entrega:
O prazo de admisión das obras estará aberto ata o 30 de xuño de 2015 e poderanse enviar por correo postal a:
“Concurso de creatividade audiovisual sobre o Boletín Informativo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado”.
Consellería de Traballo e Benestar
Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 3º
15781 Santiago de Compostela”

Igualmente admitirase a entrega da documentación en calquera rexistro, en horario de 9:00 h a 14:00 h, presentando a solicitude de inscrición para o seu posterior selo de entrada.

Calquera información sobre o concurso ou solicitude de presentación a este, pode obterse mediante contacto coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado nos teléfonos 981 541 689, 981 545 702, 981 545 937.

A entrega dos premios levarase a cabo na primeira quincena de xullo no lugar e hora a determinar e comunicar publicamente pola organización
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado porá o máximo coidado nas obras recibidas, pero declina toda responsabilidade de perdas, roturas, roubos, furtos ou danos nas obras por razón de forza maior ou calquera outra causa allea á súa vontade, tanto nos actos de recepción e devolución como durante o tempo que estean baixo a súa custodia.
Unha vez recibidas as propostas e pechado o prazo de admisión, procederase á súa  valoración por un xurado responsable de resolver o concurso.

Premios:
O/a autor/es/as da obra gañadora recibirá como premio:
- Ser membro do xurado da especialidade de videocreación do certame Xuventude Crea 2015 condición que terá carácter retribuído, sen prexuízo de aplicación sobre a cantidade a percibir das retencións legalmente establecidas.
- A participación para 2 persoas nunha estancia de fin de semana de ocio educativo nunha instalación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
O autor ou autora do proxecto clasificado en segundo lugar recibirá como premio a participación para 2 persoas nunha estancia de fin de semana de ocio educativo nunha instalación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Máis información: subactividades-xuventude.ctb@xunta.es e nos teléfonos 981 541 689, 981 545 702 e 981 545 937

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

No hay comentarios:

Publicar un comentario