miércoles, 22 de abril de 2015

CAMPOS DE TRABALLO en Galicia, España e estranxeiro

 


A Consellería de Traballo e Benestar ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal moi diversas: de carácter cultural, ambiental, deportivo, de lecer, de voluntariado... que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o seu enriquecemento persoal e vital. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado pretende facer realidade este obxectivo a través da Campaña de verán 2015.

Así mesmo, en aplicación do principio de transversalidade das políticas en materia de discapacidade e co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, na presente Campaña de verán, as mozas e mozos galegos con discapacidade, en función das limitacións que presenten, poderán decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión.
A Campaña de verán está composta por diferentes áreas de participación, que se desenvolven nos meses de xullo e agosto, tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

Novidade nesta Campaña de verán, as quendas IMPLÍCA-T, para mozos e mozas de 14 a 17 anos, engaden un compoñente máis activo e participativo, cunha programación que, ademais das actividades de ocio, incluirá outras que supoñen unha implicación real a través de accións que evidencien o seu compromiso e achega á sociedade, incorporando actuacións de voluntariado e participación como poden ser a limpeza de praias e outros espazos naturais, a colaboración activa na defensa contra incendios, a dinamización do Camiño de Santiago, a implicación cos colectivos máis desfavorecidos etc.
A finalidade é facilitar que os mozos e mozas adquiran e desenvolvan valores, actitudes e aptitudes como o compromiso, a responsabilidade, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo, a iniciativa, a comunicación... que, ademais, son altamente recoñecidos polos empregadores actuais.

Máis información en:
http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario