Percorrer o Camiño de Santiago a través dunha viaxe por etapas nas que meterse na pel do peregrino, coñecer os seus símbolos, vivir as súas experiencias e recrear episodios claves da nosa Historia. Esta é a proposta didáctica que ofrece a Cidade da Cultura a través da exposición Camiño. A Orixe.
Con contidos adaptados por niveis educativos, as Visitas didácticas Camiño. A orixe
 ofrecen percorridos guiados con actividades pedagóxicas e lúdicas. 
Estas visitas achegarán os escolares ao fenómeno da peregrinación a 
través de obras mestras da arte como pinturas de Murillo ou Durero e 
outras pezas de alto valor cultural, coñecerán os seus símbolos e 
vivirán os múltiples significados do Camiño con audiovisuais que lles 
permitirán poñerse na pel dos peregrinos.
A estrutura da exposición –que ademais 
dos dous primeiros andares do Museo Centro Gaiás conta con once 
intervencións artísticas en diversos puntos da Cidade da Cultura- 
permitirá tamén abordar o Camiño como fío conductor da nosa Historia. O 
alumno emprenderá, así, unha viaxe que o leve a recrear momentos 
históricos que estiveron ligados a Camiño ao longo dos séculos como a 
Batalla de Clavijo ou a de Lepanto, comprendendo a importancia política,
 social e económica da peregrinación ao longo do tempo.
As Visitas didácticas Camiño. A Orixe son de balde mais é preciso concertar cita previamente a través do correo electrónico: 
 visitasdidacticas@cidadedacultura.org
 

 
No hay comentarios:
Publicar un comentario