domingo, 26 de mayo de 2019

Bolsa de monitorado especialista en diversidade funcional.


A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (DXXPV), aposta pola importancia do tempo libre educativo para o desenvolvemento persoal e de socialización da nosa xuventude, para a adquisición de valores e competencias e para a construción da cidadanía e a promoción da cohesión social e o compromiso.
Así mesmo, a diversidade funcional representa un escenario que require de novas realidades de traballo e da necesidade de transformar as accións para que os distintos espazos sexan de verdade espazos inclusivos.
Con este fin, e para tratar de que todos os mozos e mozas que participan na Campaña de verán da Xunta de Galicia poidan vivir a experiencia dos campamentos en igualdade de condicións e oportunidades, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre unha convocatoria para que as persoas interesadas poidan formar parte dunha bolsa de monitorado especialista en diversidade funcional.
Tratarase de monitores e monitoras de tempo libre que conten con formación especializada ou con experiencia acreditada neste eido.
As persoas interesadas deberán enviar a información relativa á súa formación e/ou experiencia a través deste formulario.
A DXXPV comunicará os datos facilitados á empresa ou empresas que resulten adxudicatarias do servizo de monitorado de apoio das persoas con discapacidade nos campamentos da Campaña de verán da Xunta de Galicia, coa finalidade de seleccionar os equipos de apoio nos distintos campamentos.
A comunicación de datos procurará información sobre monitorado coa formación e experiencia necesaria para tratar de garantir a participación plena das persoas con discapacidade nos distintos campamentos, pero non implica compromiso de contratación por parte da empresa adxudicataria.
A presentación do formulario leva implícita a autorización para trasladar os datos consignados no formulario á empresa adxudicataria do servizo de monitorado de apoio.
Quedamos á súa disposición para aclarar calquera cuestión, no enderezo: xuventude.programas@xunta.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario