domingo, 10 de febrero de 2019

Iniciativa Xove 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca o programa Iniciativa Xove que consiste en axudas económicas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2019, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.
A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Áreas de atención prioritaria:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
c) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
d) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
e) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
f) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución, desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
g) Conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.
h) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
i) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
Destinatarios/as:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil.
b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións que as conforman.
Requisitos:
- As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
- Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.
- O incumprimento por parte de calquera das persoas membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a non admisión a trámite da solicitude.
- Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.
Proxectos:
Os proxectos deberán levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €. 
Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019.
Neste enlace podedes ver proxectos subvencionados en edicións anteriores: http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove
prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 4 de marzo de 2019.
Solicitudes: https://sede.xunta.es co procedemento BS306B.
Máis información no DOG do 4 de febreiro de 2019 e en http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove

No hay comentarios:

Publicar un comentario