martes, 2 de junio de 2015

Eduemprende Idea 2015


A Consellería de Educación convoca o concurso Eduemprende Idea 2015, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais.

Requisitos:
1. Estar matriculado no curso 2014/15 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro.

Modalidades e características dos premios:
Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.
1. Modalidade A: ciclos de grao superior.
– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
– Asesoramento técnico do Igape.
– Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros.
2º premio: 2.000 euros.
3º premio: 1.000 euros.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.
– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
– Asesoramento técnico do Igape.
– Dotación económica:
1º premio: 3.000 euros.
2º premio: 2.000 euros.
3º premio: 1.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 26 de xuño de 2015.
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED523A
Máis información no DOG do 27 de maio de 2015 e en https://www.edu.xunta.es/fp/eduemprende

Proxecto Grundtvig. NoNeets, programa de aprendizaxe permanente.

 O proxecto NoNeets é un proxecto que involucra a seis países europeos (Bélxica, España, Francia, Italia, República Checa e Romanía) ao abeiro do Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP) e financiado pola Comisión Europea.
As finalidade do proxecto é identificar as características, as necesidades e intereses da poboación nini, analizar o fenómeno nini, deseñar e poñer en marcha un programa común baseado na demanda dos/as benficiarios/as finais, involucrar á xuventude adulta en diferentes actividades que permitan a súa motivación e incrementar na poboación en xeral a importancia do proceso da aprendizaxe continuo.
Este programa vai principalmente dirixido a mozos e mozas de entre 15 e 29 anos desempregados, non asistentes a cursos de formación, que non traballan, na procura de educación e formación ou oportunidades laborais.
O obxectivo do proxecto é coñecer as súas necesidades e intereses, así como xerar un punto de partida para ofrecerlle á xuventude as ferramentas eficientes e con éxito que fortalezan as habilidades motivacionais, as actitudes sociais, os coñecementos e competencias apoiando a súa inserción profesional e social.

A acción formativa deste proxecto será desenvolvida no mes de xuño nas comarcas de Sarria e Verín.

Tras dun proceso de selección dos/as candidatos/as, 12 persoas, en cada unha das sés,  poderán optar a esta formación e apoio a través dun curso onde se lles aportarán ferramentas para conquerir o seu traballo así como ferramentas para o emprendemento.
Dentro da acción formativa tamén terán posibilidade de participar en eventos locais relacionados coa súa zona a través de entrevistas de traballo, visitas a empresas, coñecemento de boas prácticas, contacto cos axentes sociais,…
O proxecto ofrece ante todo unha oportunidade de formarse, de ter encontros con mozos e mozas cunha misión de mudar o seu futuro, e moitas ferramentas para conquerilo.
Se queres participar no programa envía os teus datos a: noneets.galicia@gmail.com
www.noneets.eu

FOLLETO INFORMATIVO

Fondo solidario de libros de texto para alumnado de 3º e 5º de primaria e 2º e 4º ESO

A Consellería de Educación crea un fondo solidario de libros de texto destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria en centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2015/16.

Todos os centros docentes sostidos con fondos públicos deberán dispoñer dun fondo solidario de libros de texto, que estará integrado por:
1. Todos os libros de texto e/ou material reutilizable adquirido coas axudas do curso 2014/15, que o alumnado beneficiario está obrigado a devolver.
2. Os libros de texto e o material didáctico vixente e útil voluntariamente cedido ao fondo.

Poderán presentar solicitude o/a proxenitor/a ou representante legal do alumnado matriculado ou que se vaia matricular no curso 2015/16 nos niveis educativos incluídos.
O centro asignará o uso dos libros de texto dispoñibles por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de xuño de 2015.
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED330D
Máis información no DOG do 1 de xuño de 2015 e en www.edu.xunta.es

Axudas para libros de texto de 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de ESO

A Consellería de Educación convoca axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2015/16.

Requisitos:

Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado.
Ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros.
Prazo de presentación de solicitudes:
a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: 1 de xullo de 2015
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 27 de xullo de 2015, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2015, ambos inclusive.
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED330B
Máis información no DOG do 1 de xuño de 2015 e en www.edu.xunta.es


Visitas didácticas á exposición 'Camiño. A Orixe'


Percorrer o Camiño de Santiago a través dunha viaxe por etapas nas que meterse na pel do peregrino, coñecer os seus símbolos, vivir as súas experiencias e recrear episodios claves da nosa Historia. Esta é a proposta didáctica que ofrece a Cidade da Cultura a través da exposición Camiño. A Orixe.
Con contidos adaptados por niveis educativos, as Visitas didácticas Camiño. A orixe ofrecen percorridos guiados con actividades pedagóxicas e lúdicas. Estas visitas achegarán os escolares ao fenómeno da peregrinación a través de obras mestras da arte como pinturas de Murillo ou Durero e outras pezas de alto valor cultural, coñecerán os seus símbolos e vivirán os múltiples significados do Camiño con audiovisuais que lles permitirán poñerse na pel dos peregrinos.
A estrutura da exposición –que ademais dos dous primeiros andares do Museo Centro Gaiás conta con once intervencións artísticas en diversos puntos da Cidade da Cultura- permitirá tamén abordar o Camiño como fío conductor da nosa Historia. O alumno emprenderá, así, unha viaxe que o leve a recrear momentos históricos que estiveron ligados a Camiño ao longo dos séculos como a Batalla de Clavijo ou a de Lepanto, comprendendo a importancia política, social e económica da peregrinación ao longo do tempo.
As Visitas didácticas Camiño. A Orixe son de balde mais é preciso concertar cita previamente a través do correo electrónico: visitasdidacticas@cidadedacultura.org

Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2015-2016

A Consellería de Educación publica as normas para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño para o curso 2015-2016.

Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio.
Requisitos:
a) Dispor do título de graduado en educación secundaria e superar unha proba específica.
b) Os aspirantes que non dispoñan do título de graduado en educación secundaria, deberán ter cumpridos os dezasete anos e superar a proba de madureza ademais da correspondente proba específica.
c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou pola proba de madureza de grao medio de ensinanzas deportivas.

Acceso ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao superior.
Requisitos:
a) Dispor do título de bacharel e superar unha proba específica.
b) Os aspirantes que non dispoñan do título de bacharel, deberán ter cumpridos os dezanove anos e superar a proba de madureza, ademais da correspondente proba específica.
c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos, pola proba de madureza a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou pola proba de madureza de grao superior de ensinanzas deportivas.

Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superiores das ensinanzas de artes plásticas e deseño, quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
a) Título de bacharel, modalidade de artes, ou de bacharelato experimental.
b) Título superior de Artes Plásticas ou título superior de Deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.
c) Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.
d) Licenciatura en Belas Artes.
e) Arquitectura.
f) Enxeñaría técnica en Deseño Industrial.

Así mesmo, estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio e superior de artes plásticas e deseño quen acredite ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo a que se queira acceder, para o cal presentará a seguinte documentación:
Certificación da empresa onde adquiriu a experiencia laboral en que conste a natureza e duración concreta da actividade realizada.

Prazos: A inscrición farase na secretaría das escolas públicas en que se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño ata o día 18 de xuño para os ciclos de grao superior, e ata o 24 de xullo para os ciclos de grao medio.

Desenvolvemento das probas:
a) Probas de acceso ao grao medio:
Proba de madureza: 2 de setembro.
Proba específica: 4 de setembro.
b) Ciclos de grao superior:
Proba de madureza: 26 de xuño.
Proba específica para todas as familias profesionais: día 9 de xullo.

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es cos procedemento ED511E e ED511D
Máis información no DOG 2 de xuño de 2015 e en www.edu.xunta.es

Inmersión en lingua inglesa para 6º de primaria e 2º ESO


O Ministerio de Educación convoca 126 axudas para grupos de alumnos de 6º curso de Educación Primaria e 84 axudas para grupos de alumnos de 2º da ESO, co fin de participar nun programa de inmersión en lingua inglesa.
Os alumnos deben estar matriculados en centros sostidos con fondos públicos, e viaxarán acompañados por dous profesores: o seu profesor de inglés e outro profesor do centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar nun programa de inmersión nesta lingua.
O centro formará un grupo de entre 20 e 25 alumnos de 6º curso de Educación Primaria ou de 2º da ESO.
A actividade levarase a cabo en datas comprendidas entre os meses de setembro a novembro de 2015 e realizarase, en réxime de internado, en períodos semanais, de domingo pola tarde a sábado pola mañá, de acordo co seguinte calendario:
- Primeira quenda: do 27 setembro ao 3 de outubro.
- Segunda quenda: do 4 ao 10 de outubro.
- Terceira quenda: do 11 ao 17 de outubro.
- Cuarta quenda: do 18 ao 24 de outubro.
- Quinta quenda: do 25 de outubro ao 31 de outubro.
- Sexta quenda: do 1 ao 7 de novembro.
- Sétima quenda: do 8 ao 14 de novembro.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 18 de xuño de 2015
Máis información no BOE do 1 de xuño de 2015 e en www.educacion.es